Thursday 19 de September de 2024

A Xunta remata a construción dunha senda peonil no núcleo das Travesas, en Carral, que mellorará a seguridade dos peregrinos do Camiño Inglés cara a Santiago


Estas actuacións contaron cun orzamento de case 115.500 euros, importe achegado polo Goberno galego

A Xunta, a través da Axencia Galega de Infraestruturas (AXI), vén de rematar a execución dunha senda peonil no núcleo das Travesas, no Concello de Carral, nun treito no que o Camiño Inglés cara a Santiago é coincidente coa traza da AC-542.

A actuación realizouse na marxe dereita da estrada, que comunica Betanzos e Mesón do Vento (AC-542), e o obxectivo é a mellora da seguridade aos centos de viandantes que pasan por esta vía.

A obra desenvolveuse entre os puntos quilométricos 18+000 e 18+580, na travesía das Travesas, dotando a este treito dunha zona diferenciada para o tránsito de peóns, que ata o momento circulaban pola estreita beiravía coa que conta esta vía.

En xeral, a solución baseouse na construción dunha gabia revestida con pendente moi tendida para permitir o tránsito peonil en condicións cómodas. Como acción complementaria tivo lugar a colocación dunha tubaxe para a canalización das augas pluviais, que permitirá a circulación dos peóns e ao mesmo tempo garantirá a drenaxe axeitada da estrada.

Estas actuacións contaron cun orzamento de case 115.500 euros, importe achegado polo Goberno galego.

A Xunta, mediante este tipo de actuacións, continúa a traballar na liña de conservar axeitadamente as infraestruturas viarias co propósito de incrementar a seguridade dos usuarios, reducindo así os posibles incidentes de tráfico. Ao mesmo tempo, estas accións potencian o desenvolvemento económico e social dos concellos galegos.